martes, 13 de noviembre de 2012

10 anos despois.


Hoxe, a 13 de Novembro do ano 2012 cúmprense 10 anos da maior catástrofe ambiental, económica e social de Galicia. Hoxe cúmprense 10 anos do que puido ser o final do noso medio de vida, o mar. Ese mar que se tinguiu de negro afogando a riqueza natural da que viven os mariñeiros, unha negrura de loito que se antepuxo nas nosas vidas coma un augurio de morte.
A pesar de esa traxedia, hoxe, unha década despois seguimos igual. Os petroleiros seguen pasando ameazantes por diante das nosas costas, pero non é o chapapote o único verquido que nos debe preocupar. Os depósitos de Ferrazo seguen aí, cheos de morte, nunha das rias mais ricas do planeta, sen facer caso á sentencia que ditou a súa desmantelación.
Hoxe recordamos aqueles meses de desesperación dende outra perspectiva, como se fose xa en terceira persoa, pero pouca xente sabe que o Prestige segue aí, no fondo do mar, cargado de fuel.
Despois de moitos e erróneos cálculos o barco foi levado a mar aberto, coa intención de que se afundira e quedara sepultado no fondo do océano, calculando que as baixas temperaturas e as altas presións das profundidades solidificaran o fuel. Iso foi o que ocorreu, pero non se tivo en conta un factor: A auga do mar corroe o ferro dos depósitos, ata crear gretas. Ó ser o fuel menos denso que a auga, este, solidificado como se un cubiño de xeo se tratase, ascende á superficie, onde a presión e as baixas temperaturas deixan de existir, e volve a derreterse e a aboiar xa en estado líquido dirección ás nosas costas. Estes erros seguen sen estar penados a día de hoxe.
O que se fixo finalmente foi selar eses tanques e introducir neles bacterias que degradan o fuel, converténdoo en dióxido de carbono e auga. Esas 1000 toneladas que están aí, diante de nos, pero agochadas debaixo do manto mariño, acabaran de degradarse completamente entre o ano 2020 e 2025.
Non olvidemos que o noso medio de vida é fráxil, non esquezamos que ó depender del nós somos igual de fráxiles. Loitemos por que esta catástrofe non volva a ocorrer, e protexamos o que é noso, por encima dos intereses das grandes empresas petroquímicas. NUNCA MAIS.



Deixamos aquí unha reportaxe de Isabel Coixet que recomendamos que vexades, onde fai un paralelismo da catástrofe do Prestige coa situación económica actual. Titúlase Marea Blanca.



E por último lembremos todos aqueles dias, tal e como se viviron na nosa Arousa.



1 comentario:

Animámoste a comentar, todas as opinións contan!