viernes, 10 de enero de 2014

Marisco de "Pata Negra"

Un dos problemas do sector mariño da nosa terra é a entrada de marisco estranxeiro que é procesado e elaborado nas industrias galegas, e que, na maioría dos casos, leva unha etiquetaxe turbia e confusa no referente á súa procedencia.

O Consello de Ministros ven de aprobar o Real Decreto polo que se regula a norma de calidade para a carne, o xamón, a paleta e os lombos ibéricos, medida que dotará de mais información e rigor ó etiquetado destes produtos.
Os consumidores poderán deste xeito máis sinxelo e dunha maneira segura diferenciar a calidade do produtos que están mercando.

Esta decisión do goberno debería ser exemplarizante para o sector que mantén a milleiros de familias en Galicia e que mantén en pé economías de pobos coma a Arousa. Por qué o marisco galego non posúe una etiquetaxe tan clara como a que regula esta nova lei? É unha tolería pensar en atopar no mercado ou nun "súper" este froito do mar, tanto fresco coma procesado, cunhas garantías que aseguren a procedencia e a calidade do produto que estamos mercando? Veremos algún día ameixas, mexillóns, camaróns ou navallas de "Pata Negra"?






martes, 29 de octubre de 2013

Marea Vermella

O sector mexilloeiro galego atópase nunha situación que podemos catalogar de crítica. As causas do problema que afecta a un dos gremios máis importantes da economía arousana son varias e hoxe aquí tentaremos facer unha observación crítica destas e das súas consecuencias.
Por comezar dun xeito global, a crise económica que estamos a padecer a nivel estatal tamén afecta ao sector. Moitas das empresas que se adicaban ó tratamento alimentario de mexillón, tanto fábricas coma depuradoras, pecharon as súas portas. As que quedan pagan o marisco en prazos que abarcan dende os 8 a os 12 meses, no caso de que na súa política empresarial dispoñan dalgún tempo estipulado, que non sempre é así. Este sistema de actuación leva aos bateeiros a verse en situacións de falta de liquidez, cos seus consecuentes problemas.
Por si non fora pouco, outro dos socavón que atravesa o sector é o biolóxico.
A toxina diarreica, máis coñecida como marea vermella, é, este ano, especialmente virulenta. Os microorganismos presentes no fitoplancto causantes deste fenómeno son os coñecidos científicamente como dinophysis.
O  instituto tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia, Intecmar, é especialmente estrito á hora de detectar a aparición desta toxina. A pesar disto, algúns compradores de marisco devolven o produto, nalgúns casos morto, por medo a que os controis non funcionen axeitadamente.
Se estas condicións se manteñen ata o comezo da tempada do Nadal, as consecuencias poden chegar a ser catastróficas (aínda máis) para a economía de moitas das familias da Arousa.
Agardamos que aportedes a vosa opinión sobre o tema.





jueves, 25 de abril de 2013

Falamos de música.


Por todos e sabido que os Carcamáns somos festeiros. Gústanos a farándula e algunhas das nosas festas son coñecidas en toda a comarca e ata en toda Galicia. Mais nestes últimos anos está a florecer un novo tipo de carallada.  Cada vez son mais os locais arousáns que apostan por concertos ao vivo, con entradas a prezo simbólico ou incluso gratuítos. A pesar de que a situación económica non axuda e que moitas veces temos que prescindir de eses eventos lúdicos que tanto nos gustan, non e difícil atopar algún establecemento con ambiente, sobre durante o estío.
Pero sobre todo, cando a xente da Arousa máis se anima a acudir a estes eventos e cando son grupos da Illa os que actúan. Un destes grupos é "The Alkrikes", que acaba de subir ao Youtube o seu novo proxecto, cun videoclip no que recorren toda o pobo, tanto por terra coma por aire. Animámosvos a escoitalos e a promocionalos todo canto sexa posible. Deixamos aquí o seu traballo, proXecto pOp, gozádeo.



miércoles, 30 de enero de 2013

O porto do Xufre


As obras da ampliación do porto do Xufre xa levan uns cantos anos de demora. Pero a isto estamos xa afeitos, cando están as administracións de por medio sempre chegan as obras con demora, ou case sempre.
Levamos xa dous anos sufrindo fortes temporais nestas datas, pero grazas a deus deste fomos avisados. O nome que lle deron foi "gong".
Un gong é un instrumento de percusión. Trátase dun disco metálico cos bordes curvados que se bate cun mazo. A verdade é que lle puxeron un nome "chapó".
Imos a facer un aparte.
As distintas asociacións de traballadores do mar da Arousa, así coma outras entidades terán esta semana unha reunión para acordar unha postura unificada e así poder presentar ante as autoridades pertinentes a solicitude do cambio do proxecto de ampliación do Xufre. Fálase de que o dique flotante pode non ser suficiente cando nos bata un temporal como foi "gong", e que incluso pode ser contraproducente, xa que si ese dique se soltase iría enriba de toda a flota dos mariñeiros.


Desta as administracións tardaron en rematar a construción do abrigo, pero case que mellor que fose así. Tal como un gong percute, este "gong" puido repercutir aínda mais nas nosas vidas, facendo moitos mais estragos dos que fixo.

viernes, 21 de diciembre de 2012

Resposta do PSOE da Arousa

Esta é a resposta do PSOE á pregunta que lles fixemos:  Dende o punto de vista do voso partido, cales credes que son as maiores deficiencias do noso pobo e cal sería o mellor xeito de solucionalas?

"Estimados compañeiros, tal e como vos dixemos na mensaxe que vos enviamos fai unhas semanas; parécenos moi interesante o voso blog, a páxina do face e as vosas propostas. 
Todos sabemos que en épocas de crise hai que optimizar os recursos e facer fronte a algunhas deficiencias que nos afectan especialmente en diferentes sectores(servizos sociais, mar, falta de emprego,subida do ive, IRPF, tasas xudiciais, copago, módulos, preferentes...).
Neste senso, o partido socialista quere facervos chegar que a súa intención é ter un programa aberto a toda a cidadanía, un proxecto integrador no que caiban tódalas ideas, tódalas propostas da xente do noso pobo. Por iso estaremos encantados de que tódalas persoas de A Illa de Arousa nos fagan chegar as súas ideas ben sexa a través do noso face, do contacto directo ao encontrármonos na rúa, da visita a nosa sede ou mesmo dende a vosa páxina web ou a través de calquer medio que considere oportuno. Toda proposta será entendida como ideas constructivas e como puntos positivos que nos axuden crear conxuntamente A Illa que todos queremos.
Aproveitamos tamén dende o PSOE de A Illa para desexarvos unhas Felices Festas e un bo Nadal.
Unha aperta."


Estamos á espera de que outros partidos nos contesten. En canto o fagan, publicaremos aquí a resposta.

martes, 11 de diciembre de 2012

Resultados enquisa intención de voto.

Os resultados da enquisa foron os seguintes.


Seguimos á espera de que algúns partidos nos contesten á pregunta que lles propuxemos: "Dende o punto de vista do voso partido, cales credes que son as maiores deficiencias do noso pobo e cal sería o mellor xeito de solucionalas?". 

O Partido Popular contestounos o seguinte:


"Estimados amigos de Mundo Arousa, agradecemos sinceiramente a invitación máis polo de agora, as persoas que conformamos o PP de A Illa decidimos asambleariamente que "o punto de vista" oficial do noso partido seguirá a ser transmitido a través dos debates nos PLENOS do Concello, os comunicados de prensa para os medios comarcais, así como a distribución periódica do Boletín POPULARES ademáis das entradas no FACEBOOK de POPULARESAILLA. Solicitámosvos, xa que logo, permanecer atentos, pois, ás anteditas canles para un maior coñecemento das nosas opinións e puntos de vista sin menoscabo de que poidades "compartir" as nosas entradas do Facebook con total libertade ou mesmo escanear e publicar os boletíns que como ben sabedes distribuimos porta por porta ós veciños e veciñas do noso Concello.
Un saudo
Grupo Municipal do PP de A Illa."

Queremos decir que comprendemos e respetamos a súa decisión e agradecémoslle que nos contestasen.

martes, 20 de noviembre de 2012

Enquisa intención de voto.

Deixamos á dereita da pantalla unha nova enquisa referida á intención de voto. O panorama político actual é tan convulso que pese a que se celebraron hai pouco eleccións ó Parlamento de Galicia, os resultados poderían ser moi diferentes a día de hoxe se fosen a nivel local. Un dos motivos é que moita xente vota a partidos diferentes dependendo o tipo de eleccións que se celebren (municipais, autonómicas ou xerais). Agradecemos a vosa sinceridade, xa que a enquisa e completamente anónima.